setembro 29, 2008

Sodes pois uns imperialistas fracasados

Achego no meu blog un artigo de Salvador Soutullo Carolo, publicado no xornal Galicia-Hoxe onde comeza citando aquela tremenda estrofa de Castelao do Sempre en Galiza:
"Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal, e falar castelán era falar ben. Expulsáchedes o galego das eirexas, facendo que os representantes de Cristo explicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os tribunais de xustiza e chegáchedes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes pois uns imperialistas fracasados".

Non debe haber peor cousa que dicirlle aos protagonistas dun imperio que este foi un fracaso, ¿ non si ?

¿ Estaremos no comezo da fin dos EEUU? Di Soutullo, "Algo está a pasar no planeta. Un fantasma percorre o mundo: o fantasma da liberación nacional dos pobos oprimidos. Este imperio tamén se ha de converter nun imperialista fracasado." ¿ Serán os EEUU tamén uns imperialistas fracasados ?

setembro 17, 2008

L'éclat dans l'abîme

O máis internacional dos nosos escritores contemporáneos, Manolo Rivas, anda a colleitar éxitos coa súa última novela, Os libros arden mal, traducida ao Francés co título de L'éclat dans l'abîme. Alegrámonos moito pola nosa literatura pero sobretodo por Manolo que é un traballador da lingua e a cultura galegas, e ademais unha excelente persoa. Agora o debate que se abre é outro como apuntan en vieiros: "ao fío do excelente recibimento da obra de Rivas en Francia, o escritor e xornalista Santiago Jaureguízar abriu un debate no seu blog sobre a necesidade de que os autores e institucións galegas realicen unha proposta unitaria para o Premio Nóbel ao redor de Manuel Rivas, no canto de Xosé Luís Méndez Ferrín, de quen considera que a súa obra non ten a suficiente proxección internacional".

setembro 11, 2008

No Cav Day

Os italianos progresistas viven tempos de tristura e escuridade. Non pode ser doutro xeito, goberna “il cavallieri”. Para combater a desidia deste tempo infausto que lles toca sufrir, os italianos progresistas organizaron estes días pasados de verán un día de festa, unha “Diada”, que dirían nestas terras que habitamos. Trátase do “No Cav Day”. Algo así como o día sen “il cavallieri”. Mágoa que no tempo da Pax Fraguiana non se celebrasen estas xornadas, o ben que o teriamos pasado nun No Fraga Day. Todo e que cómpre dicir que se vive moito mellor no “Fraga never more”. Na Piazza Navona de Roma, onde é alcalde o filofascista Gianni Alemanno, xuntáronse escritores, actores, intelectuais. Ese tipo de xente que tanto lle gusta á dereita. Que lle pregunten senón a Don Aznar. Intelectuais e actores van saíndo ao escenario. Sabina Guzzanti, actriz de teatral e televisiva de sátira social fala. E faino sobre aqueles que a acusan de moralista dicindo que ela non é tal, que nunca entrou nin entrará a valorar a vida sexual de ninguén. Ao parecer “il cavallieri” decidiu que a ministra de “pari opportunitá”, é dicir de igualdade de oportunidades (algo así como un ministerio para procurar a igualdade e paridade entre o home e a muller) fose unha ex miss e ex modelo presuntamente amante de “il cavallieri”. Vin fotos da devandita en internet e certo que a señorita, ou señora, está coma para que lle agasallen un ministerio, se ben comparto a derradeira das frases que Sabina Guzzanti dixo, aló no estrado da Piazza Navona: “tu non puoi mettre alle pari opportunitá una che ti ha succhiato l’uccello”. A lingua italiana é capaz de facer fermoso até o que pode parecer porco. No fío do argumento de Sabina Guzzanti: a verdadeira inmoralidade non se mide por con quen se deita a xente, senón por qué uso fai da cousa pública, por iso e non por outra cousa “il cavallieri” é un inmoral. De momento a Sabina xa a demandaron por inxurias a “il cavallieri”. Éche o que hai.
Nota: A señora (ou rapaza) da foto é Mara Carfagna, ministra de la "pari opportunitá". Sen dúbida que "il cavallieri" ten bon gusto polas mozas.

setembro 08, 2008

Viatge a un altre Axis Mundi


En el seu dia el meu amic Eduard, filòleg català i gallec, cosa ben estranya en aquests temps que corren, va fer una extraordinària crònica sobre la terra Ancaresa que jo ara, amb el seu permís espero, us vull posar lligada en aquest blog a tots aquells de parla catalana que us heu incorporat en els darrers dies a la lectura d'aquest blog de parla gallega. Per aquells que ens trobem al mig de totes dues llengues i cultures, catalana i gallega, la cosa és senzilla, per altres resultarà estranya. En qualsevol cas penso que per a catalans i/o gallecs serà enriquidora. Gaudiu-ne !.

setembro 05, 2008

Non toda a culpa para Steiner


Limos estes días na prensa que George Steiner, un prestixioso filósofo e profesor da Universidade de Cambridge, nunha entrevista que lle fai o escritor e xornalista Juan Cruz manifestaba o seu abraio pola obriga de empregar o galego “en algunhas Universidades de España”, mesmo manifestando que entendía que se fixese co catalán que, segundo as súas palabras, ten unha “literatura impresionante”, facendo así comparanza pexorativa respecto do noso idioma. Digamos que de xeito automático, como por outra banda debe ser, a resposta de determinadas persoas e colectivos do país non se fixo esperar. Foron varios os artigos de prensa en resposta a tales manifestacións que puiden ler e nos que, alén de manifestar abraio diante de semellantes prexuízos lingüístico-culturais en alguén supostamente formado e culto, se demandaba que as diversas institucións do país fixesen chegar ao señor Steiner un bo compendio de literatura galega que lle fixese modificar o seu concepto respecto da literatura e a cultura galegas. Iso a min paréceme ben, mais só resolvería a individual concepción de Steiner e non solucionaría que outros doutos e cultos seguisen pensando o mesmo. Demostra isto sen dúbida o precario estadio de coñecemento da literatura e da cultura galega que hai fóra da Galiza territorio. É certo que nesta lexislatura dende a Consellaría de Cultura e Deporte se fixeron salientables esforzos para darnos a coñecer como cultura fóra do territorio, pero é sen dúbida insuficiente. Cómpren novas accións, novos programas e imaxinación para colocar a nosa lingua e cultura no mundo. Tamén cómpre contar coa diáspora galega que pode exercer un papel determinante neste obxectivo. Está claro que non todo o problema do descoñecemento de Galicia como nación literaria e cultural o teñen individuos como Steiner. Así que asumamos responsabilidades e poñámonos a traballar para que casos coma o deste profesor sexan cada día máis improbables.