xuño 01, 2008

A cuestión Chiquilicuatre



O pensamento postmoderno desbotou de raíz os esencialismos. O existencialismo foi o berce de tal desbotamento, facéndonos entender que a esencia das cousas é a súa circunstancia. Eu son eu e as miñas circunstancias, Ortega dixit. E velaí a Chiquilicuatre, esa (des) afinada broma de internet, que dixo José Luis Uribarri, o eterno presentador do outrora denostado e anacrónico festival de eurovisión. Un produto que nace e medra descontroladamente dunha particular e moi ben interpretada circunstancia: a alguén con poder mediático (Buenafuente e Terrat) se lles ocorre que a eurovisión só se pode viaxar retranqueiramente. De tal xeito que David Fernández, humorista do Terrat, convértese en Rodolfo Chiquilicuatre, un cantante esperpéntico e surrealista cantando unha canción tal. E deste xeito o Chiquilicuatre consegue acadar para a representación española o posto dezaseis de vintecinco (55 puntos), o mellor dos últimos catro anos. A audiencia, por certo, a segunda maior da historia. Pero velaí que os defensores da chamada sacrosanta se senten defraudados, non pola clasificación, senón polo feito de que o seu país asista a eurovisión cunha parodia. ¡Cousa de catalanes!, deberon pensar. Para eles non hai circunstancias senón esencias, son decimonónicos, case que pre-modernos. Cremos que un país tamén se reinventa a través da parodia e do ridículo, pero para eles España está fóra de toda circunstancia porque abrolla das mesmísimas pedras da península ibérica, un chisco despois de que Deus crease a Terra. Por iso lles doe e proe tanto o Chiki-Chiki. Aínda por riba aquel que lles desmonta a sacrosanta teoría ibérica quedou 3 postos por encima: no doceavo ficou Portugal, con 69 puntos tirados dunha interpretación formal. ¡Sonche as ironías da historia!