Nestes días finais de abril de 2008 enteirámonos que na chamada cidade eterna, berce da civilización occidental, a complexa, caótica e ao mesmo tempo encantadora Roma, gañou a dereita despois de quince anos de goberno de esquerda. Até aquí nada preocupante. A democracia precisa de alternacia política porque senón non é tal. O preocupante desta victoria é que Gianni Alemanno, quen superou en sete puntos ao candidato de centro-esquerda Francesco Rutelli, exerceu durante a súa campaña un discurso no que asociaba a “inmigración” co “delito”, prometendo “man dura” cos inmigrantes e máis policia nas rúas, mesmo asegurou que expulsaría a milleiros de xitanos que residen en asentamentos ilegais nos arrabaldos da cidade. Un discurso xenófobo en toda regra. Fascista, para falarmos claro. Coméntame un compañeiro de traballo italiano que no ano 1982 Alemanno foi detido por arrebolar un “molotov” contra a embaixada soviética. Nunha das fotos que me achega este meu compañeiro nun correo electrónico pon ao pé de paxina: “Alla festa al Campidoglio per la vittoria di Gianni Alemanno sono spuntati anche quelli: i saluti in stile fascista sullo scalone che risale alla piazza del Comune”. Vemos en efecto na devandita foto á xente nunha escaleira da praza del Comune saudando ao estilo fascista ao novo alcalde que sae ao balcón a celebrar a victoria. Noutra vemos a uns rapaces de estética “skin-head” con bandeiras co símbolo neo-fascista do círculo cunha cruz no medio (a esvástica ten demasida carga, así que que agora empregan estoutra). O meu amigo remata o seu correo dicindo: aquí tedes unhas fotos tomadas onte en Roma que evocan o desafortunado pasado italiano. O correo electrónico levaba por título: Pobre Italia.