febreiro 26, 2007

Retorno e desencontro


O que vive desposuído da cousa sentida está condenado a idealizala. E canto máis arredada no tempo -que é o espazo da memoria-, canto máis desposuído dela, maior é a idealización. Se cadra aplicaría unha fórmula física ao devandito sentir: a magnitude da idealización é proporcional á distancia temporal respecto da cousa mitificada. Por iso o reencontro é sempre unha experiencia de frustración. Unha neurose que cortada de súpeto non ten tempo para sandar. Quen habita entre pantasmas non se pode axeitar á realidade nun chisco de ollo. O retorno é sempre un desencontro. Nestes días soubemos que unha obra co título de “Psicopatoloxía do retorno” dos psiquiatras Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, acadou o premio de ensaio Ramón Piñeiro. A obra fala diso: das pantasmas dos retornados, do seu desencontro, da súa neurose. Nunha entrevista a un dos autores lemos: "Moitos dos nosos emigrantes teñen a sensación de que sobran, de que non hai lugar para eles. E pensamos que están trabucados. Afeitos como están a gañar o pan en situacións de libre competencia, valoran os méritos e o esforzo persoal máis que cousa ningunha, ese é o cerne da súa identidade. Unha identidade que é allea á nacenza, construída a pulso arredados do lugar de orixe ”. Dicía o poeta que habitamos na nosa infancia e debemos ser, engado eu, da nosa madurez. Para quen a infancia está nun espazo diferente da madurez sempre haberá un desacougo, unha fractura, porque rehabitar a infancia é unha das irracionais arelas de todo humano. Pero cunha identidade e unha esencia diferentes é sempre unha desesperación. Se cadra, ao cabo, o mellor sexa seguir habitando para sempre entre pantasmas.

febreiro 17, 2007

Santa María do Castro


A consellaría de Cultura vén de publicar e pendurar na rede unha, penso que interesante e ben lograda, Guía de Castros de Galiza e Noroeste de Portugal . Tal e como afirman no limiar de presentación: "Por primeira vez pódense encontrar nunha única publicación castros a ambas as beiras da actual liña divisoria entre Galiza e Portugal. Nese senso supón un avance importante sobre outras publicacións precedentes por facer explícita de maneira conxunta a realidade cultural que, hai hoxe máis de 2000 anos, estaba presente nos nosos territorios." Demostrando este símbolo da cultura material o que xa sabiamos: que a Nación histórica, a vella Gallaecia remata onde remata tamén a cultura dos castros, polo sur no Douro e polo leste en territorio Asturiano, Leonés e Zamorano. Busquei nesa guía os castros da provincia de Lugo e atopei na páxina 27 o Castro de Santa María do Castro. Este castro non foi coñecido na súa etapa contemporánea até finais dos oitenta. Antes era só a parroquia do Castro (Santa María), do concello de Cervantes, coa súa Igrexa e o seu cemiterio. No ano 1966, xusto cando fixen unha longa viaxe dende a caribeña Caracas para ser bautizado nesta parroquia - alguén me trouxo pois eu non podía daquela facer viaxes tan longas-, comezou a contruísrse o novo cemiterio, con nichos de 3 andares. Daquela aínda nin rastro do Castro, agochado debaixo da terra. Lembro especialmente o 1974, camiñando dende a aldea, Bustelo, deica a Igrexa da man da miña a avoa, que levaba nos beizos o título deste blog. Porque ela non tragaba, senón que invaba despois de se quedar sen dentamia. Lembro tamén como aparecera o Castro, como xa dixen aló polos finais dos oitenta. Foi co gallo de facer una nova pista de entrada. Nunha presada de terra erguida apareceran as "casiñas". Mesmo como mo contara meu pai semellaba que estaban a falar de vivendas de ananiños. Agora sabemos que dende o mesmo século I, se cadra antes, houbo este asentamento. Sabemos que é cemiterio dende o XIV. E que dende ese máxico 1966 é un cemiterio de novos "departamentos" uns por riba dos outros. Moito do por min máis querido está soterrado neste máxico espazo que é para min o lugar máis sagrado da terra. Porque para a cultura celta -e castrexa- a terra é sagrada porque nela están soterrados os devanceiros. E, despois de todo, aínda latexa en nós o espírito celta, molde do que somos.

febreiro 12, 2007

O país portátil e a Galicia global


Manuel Rivas faise eco neste artigo dese país potátil que moitos carrexamos connosco aló onde estamos. Unha frase entre moitas das que sobrancearía do artigo de Rivas: A Diáspora, por diante. Pensando o que non se pensa na Galicia "territorial". Somos díaspora, Galiza Global, levamos o país portátil na cabeza e, sobre todo, no corazón, e dende a nosa morada "exterior" estamos a pensar o país como non se pensa dende o "territorio" ¿ Para cando a superación desa fenda ?

febreiro 05, 2007

Escoitando atentamente ao presidente

Pasou hai un tempo polo Centro Galego de Barcelona o presidente da Xunta Pérez Touriño, e a dicir pola foto hai quen o escoitaba con toda atención. Mágoa que o presidente e maila súa comitiva, esposa incluída, non reparasen en quen máis de preto lle prestaba unha enorme atención. Se cadra, non o sei, se os presidentes estivesen máis pendentes dos máis cativos a todos nos iría mellor. Claro que Clara, como os outros nenos, non vota. E iso é moito incoveniente para que sexan visualizados.